Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta porá á disposición do tecido industrial, produtivo e innovador de Galicia unha nova achega de 20 millóns para financiamento e 7 millóns para a industria agraria


Afirma que este mes de maio “non puido ser mellor” desde o punto de vista da industria e subliña que o naval, o sector aeronáutico e o sector da automoción comprometeron neste mes 4.200 millóns de euros de investimento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe no Parlamento, en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, que a Xunta porá á disposición do tecido industrial, produtivo e innovador de Galicia unha nova achega de 20 millóns de euros para préstamos, financiamento e avais que mobilizarán un total de 100 millóns de euros. E, naqueles municipios que conten só con industria agraria e con menos de 10.000 habitantes, destinarase unha partida de 7 millóns de euros para facilitar a contratación de 700 persoas.

Logo de precisar que estas medidas serán aprobadas mañá polo Consello, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá “investindo no futuro dos galegos”, facendo fincapé en que cumprir co déficit público permite á Comunidade contar cun superávit de responsabilidade; “cun fondo adicional que investiremos, entre outras cousas, en 500 prazas máis de garderías; na Tarxeta Benvida para todos os bebés que nazan tamén en 2017; en melloras en 370 colexios; na gratuidade do transporte público interurbano metropolitano para todos os galegos menores de 18 anos; en rebaixar as listas de espera; en finalizar 13 centros de saúde e iniciar outros 10; e en que 7.000 persoas poidan ver mellorada a súa vivenda”.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico subliñou que este mes de maio “non puido ser mellor” desde o punto de vista da industria. “No sector naval temos barcos por máis de 2.300 millóns de euros; no sector aeronáutico contaremos cun parque aeronáutico de avións non tripulados en Rozas; e, no sector da automoción, temos traballo para os próximos 10 anos”, aseverou, subliñando que estes tres sectores comprometeron neste mes 4.200 millóns de euros de investimento.

Diante destas cifras, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá traballando e cumprindo cos seus compromisos: “Mellorando a sanidade, a educación e a produtividade e a economía de Galicia”, dixo.

Deste xeito, e no eido da Educación pública, o responsable da Administración autonómica afirmou que a Comunidade seguirá esforzándose para que Galicia siga tendo máis profesores por alumno que no resto de España, máis prazas de comedores públicos, máis idiomas nas aulas, diminuíndo o abandono escolar, incrementando as prazas de formación profesional e tendo as taxas universitarias máis accesibles de toda España.

Así mesmo, trasladou aos grupos da oposición que “non conten co Goberno galego para ideoloxizar as aulas nin para chamar á insubmisión e ao incumprimento das leis”. E pediu respecto para os centros e para os alumnos que acudiron a facer as probas de controis celebradas este mes; “respecto para o 90% dos centros e para o 60% do alumnado que acudiron a facer esas probas”, abundou.

En relación á situación do Sáhara occidental, o titular da Xunta recoñeceu que non está en mans do Parlamento galego poder resolver o problema do pobo saharauí, e garantiu o compromiso de que en todos os plans de cooperación feitos pola Xunta siga sendo prioritaria a poboación dos campamentos saharauís. Neste senso, lembrou que a Administración autonómica leva anos implicada en prestar axuda humanitaria na zona.